Comarcas

Os datos do turismo, mellores que os do ano pasado

Se ben os datos de ocupación hoteleira do mes de marzo amosan un comportamento máis negativo, como acontece a nivel estatal, que o rexistrado en febreiro deste ano, cun descenso do 1,8% na cifra de visitantes, Galicia rexistrou no primeiro trimestre de 2012 un total de 474.487 viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros, un 0,4% máis que en relación ao observado no mesmo período do ano pasado, segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estadística (INE).

Galicia situouse neste caso nunha posición intermedia con respecto a outras comunidades autónomas, mentres que o crecemento do volume de viaxeiros no conxunto estatal foi do 0,1%, case parello aínda que lixeiramente inferior ao galego.

O crecemento da cifra de viaxeiros aloxados prodúcese como consecuencia das subas rexistradas en dous mercados concretos: o turismo interno – dos residentes en Galicia- e o internacional, con incrementos do 0,8% e o 4,3%.

O comportamento específico dos hoteis é especialmente positivo neste primeiro trimestre. Nesta tipoloxía concreta rexístrase un incremento da demanda do 3,8% no que atinxe á cifra de viaxeiros aloxados, e do 2,5% no que respecta ás pernoitas. Esta dinámica positiva prodúcese, ademais, en todas as categorías dos hoteis, sendo especialmente significativo o incremento rexistrado naqueles de unha e dúas estrelas –nos que a cifra de viaxeiros sobe un 5,2% e 5,4%, respectivamente-.

A estas cifras dos establecementos hoteleiros hai que engadir as referentes ao excursionismo estranxeiro facilitados por Frontur, que analiza os movementos en fronteira. En total, de xaneiro a marzo, rexistráronse 1.056.427 excursionistas estranxeiros, o que supón un 3,4% máis respecto dos tres primeiros meses de 2011.

 

También te puede interesar