Galicia

As caídas dende altura provocan 3.000 accidentes cada ano en Galicia

Duvi/ As cifras demostran que queda moito por facer no eido da prevención de riscos laborais, un campo no que a Universidade de Vigo ten avanzado moito nos últimos anos, aprobando, por exemplo, “o Plan de Prevención da Universidade e desenvolvendo plans espacíficos de autoprotección para os centros así como simulacros e actividades formativas“, como explica o vicerreitor de Economía e Planificación, José Manuel García. A última destas iniciativas é unha Xornada de Traballos en Altura que se desenvolve ao longo desta semana nos tres campus, xa que cada ano en Galicia prodúcense 3.000 accidentes como consecuencia de caídas en altura. De feito, das 500 mortes ao ano que se producen en España por accidentes de traballo, o 8% débense a este tipo de incidentes, sendo a causa máis frecuente con medio cento de falecementos a nivel nacional.

Os programas de prevención son instrumentos eficaces para frear esta drástica tendencia, motivo polo que o Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Universidade organizou esta primeira xornada formativa. Ao longo de todo o día, técnicos, especialistas, enxeñeiros e responsables de empresas ofreceron aos preto dun cento de asistentes un percorrido tanto polo equipamentos de seguridade, como polas medidas máis idóneas e as normativas, así como varios obradoiros prácticos no campus e nas sedes de empresas deste eido.

As caídas en altura, a causa máis frecuente de morte en accidentes laborais

Galicia duplica as cifras de sinistralidade laboral de España e é a comunidade autónoma con máis mortos en accidente laboral. As caídas en altura son precisamente a causa máis frecuente, un de cada vinde accidentes prodúcese como consecuencia destas caídas en altura con consecuencia moi graves que se poden aforrar cunha pequena inversión de 40 euros, como indican dende Fremap. Jorge Herranz, técnico superior de Prevención de Riscos Laborais da Sociedad de Prevención de Fremap, explica que “cun bo sistema de prevención para traballos en altura, unha suficiente formación e un equipo adecuado, como un arnés básico e un cabo de ancoraxe, que non custan máis de 40€, poderíanse evitar a maioría deste tipo de accidentes”. Esta cifra contrasta cos 377.000 euros que poden supor de custen medios os derivados dunha gran invalidez, aos que se suma o drama persoal e familiar, os custes sanitarios e prexuízos por condenas xudiciais para o empresario.

Con todo, as medidas que se adoptaron nos últimos anos fixeron descender no país as cifras de accidentes, aínda que durante o 2010 se produciron 26.374 accidentes por caídas en altura, dos que 899 foron catalogados como graves e 46 causaron a morte do traballador. Para previr este tipo de accidentes estas xornadas, e en especial as demostracións prácticas, son de moita utilidade xa que se imparte formación sobre como afrontar traballos en altura sen correr riscos.

También te puede interesar