É a segunda vítima de hoxe nas estradas de Galicia
Leer másAlertan do grave perigo das fumigacións con flufexonuron, prohibido na UE
Este domingo, a Plataforma contra as Fumigacións tiña programada unha manifestación en Melide para protestar polos tratamentos aéreos contra o gorgullo do eucalipto cun pesticida prohibido na Unión Europea pola súa perigosidade e alta toxicidade: o Flufexonuron, pero “a pesares da inminencia destas fumigacións, a Delegación do Goberno non entendeu a urxencia do evento e prohibiu a manifestación”, coma indican os membros da organización.
Como alternativa, membros da Plataforma desprazáronse até Melide para informar, a pé de rúa, e de ti a ti, á cidadanía melidense, e a persoas que visitaron a vila para asistir á Foliada e ao mercado feiral, dos “perigos destas fumigacións que se pretenden facer en toda Galicia promovidas pola Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón (Aspapel) en conivencia coa Xunta e concellos como o de Melide” que, salientaron, “está a instar aos propietarios e propietarias de eucaliptais a conceder o permiso para ser fumigados”. Entre as accións informativas desenvolvidas, repartíronse centos de panfletos e fixéronse perfomances con persoas caracterizadas como abellas, apilcultores e fumigadores.
Esta acción serviu, indican dende o colectivo, “para constatar a falla de información existente entre a poboación que vai sufrir directamente as fumigacións e a súa fonda preocupación ao coñecer o que se lles vén enriba”. Así, informóuselle a sectores profesionais seriamente ameazados, como produtores e produtoras de mel e hortalizas, ou titulares de explotacións ecolóxicas. Mais, alén destas persoas, continua a Plataforma, “informouse tamén á cidadanía en xeral das consecuencias nefastas que estas fumigacións poden ter para o medio ambiente e a saúde das persoas e da fauna, especialmente das abellas, que corren serio perigo de extinguirse en Galicia se a Xunta autoriza as fumigacións”, con “repercusións catastróficas”, alertan, para sectores como o da horta ou a froita, amais do apícola, que se verán privados do seu principal axente polinizador.