A Xunta vén de recuperar dous tramos de leitos de dous ríos da provincia de Pontevedra, o río Maior no Concello de Redondela e o Gres en Moaña. Estas actuación supuxo un investimento de case 8.000 € para mellorar as condicións de case un quilómetro de leito destes ríos.
Estas accións están incluídas na programación e proxectos en materia de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e as súas zonas de acceso e protección, que esta a levar a cabo o Executivo autonómico.
As obras no río Maior no concello de Redondela executáronse para limpar este recurso natural ao seu paso pola zona de Rande, onde se realizou o desbroce naqueles puntos onde a maleza invadía o cauce e dificultaba a circulación da auga. Así mesmo, podáronse algunhas arbores que presentaban as súas polas no leito do río e recolleuse o lixo existente en todo o tramo.
Por outro lado, no río Gres en Moaña levouse a cabo a limpeza do leito ao seu paso pola zona de Ameixoada. Nesta tarefa procedeuse ao desbroce naqueles puntos onde a maleza ocultaba o leito e dificultaba a circulación da auga. Así mesmo, recolléronse todos os refugallos en todo o tramo.
Para levar a cabo estes traballos no regato Gres precisouse un investimento de 3.475 € e actuouse nunha lonxitude de 450 metros. Ademais, trátase da cuarta das tarefas de limpeza que se executan no concello de Moaña, xa que con anterioridade se procedeu ao acondicionamento do río Miñouva e A Freixa, do regato da Rialdarca e do Río Fraga, o que implica manter e mellorar case 3,5 quilómetros de ríos neste concello.
Traballos executados na bacía Sur
A estas actuacións únense outras 10 limpezas e melloras executadas nos ríos e as súas zonas de acceso e protección pertencentes á demarcación Sur da Bacía Galicia- Costa, o que supuxo o acondicionamento de máis de 7 quilómetros e un investimento de 50.000 €.