A Consellería de Traballo e Benestar vén de adxudicar un total de 1.155 prazas nas súas instalacións xuvenís a 27 entidades que traballan coa mocidade. En concreto, as prazas poranse a disposición de asociacións xuvenís; entidades prestadoras de servizos aos mozos e mozas; escolas de tempo libre; Consello da Xuventude de Galicia e consellos locais e municipais de xuventude, así como das corporacións locais e outras entidades públicas ou privadas, incluídos os grupos de mozos e mozas non asociados que levan a cabo actividades de tempo libre sen ánimo de lucro.
A oferta concertada de prazas porase a disposición destes colectivos entre o 15 de xuño e o 30 de setembro. O obxectivo da iniciativa é facilitarlles o desenvolvemento dos seus programas de lecer e tempo libre.
As asociacións que non resultaron adxudicatarias poderán acceder ás prazas que queden baleiras con prioridade fronte aos solicitantes que as demanden por primeira vez, a través do correo electrónico [email protected]
Segundo informa a Xunta, esta iniciativa enmárcase na campaña de verán da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, na que o gobernó autonómico investirá este ano ao redor de 2,5 millóns de euros.
A campaña “permitirá a contratación de 900 monitores e directores de tempo libre. Máis de 8.000 mozos e mozas poderán participar da iniciativa entre os meses de xuño e setembro”, un programa no que se ofertan, ademais de prazas concertadas, campamentos en Galicia e noutras comunidades autónomas, actividades para maiores de 18 anos, campos de traballo, e accións para mozos e mozas descendentes de galegos, residentes no exterior.
Esta iniciativa inclúe varias novidades, como a “unión por primeira vez dos participantes procedentes da emigración cos rapaces galegos nos campamentos e actividades para maiores de 18 anos”. O obxectivo é fomentar a convivencia intercultural e a aprendizaxe mutua. Ata o de agora só tomaban parte en actividades específicas para eles. Ademais, inclúense novos emprazamentos nos campos de traballo e actividades para maiores de 18 anos.