Aberto o prazo para o programa diúrno de Balnearios

Un  total de 5.500 persoas poderán participar este ano no Programa Diúrno de Balnearios, que pon en marcha a Deputación Provincial de Pontevedra, co obxecto de contribuír a mellorar a calidade de vida dos maiores e a promover o seu envellecemento activo, ao tempo que se contribúe a dinamizar e desestacionalizar o sector dos balnearios e spas da provincia.

Os interesados en participar neste programa poderán solicitar praza desde este xoves, día 7, ata o vindeiro 29 de xuño, e poderán presentar as súas solicitudes ben nos concellos adheridos ben directamente na Deputación naqueles casos nos que o concello non se sume ao programa.

A iniciativa vai destinada a persoas de máis de 50 anos, a pensionistas e tamén a aqueles homes e mulleres que se dedican ao coidado de enfermos ou dependentes e que precisan dun respiro familiar.

Os interesados poderán pasar cinco tardes seguidas nun dos balnearios ou talasos da provincia a uns prezos reducidos, dado que o custe total da praza será cofinanciado entre a Deputación –35 euros-, os concellos adheridos –10 euros- e os usuarios (que aboarán entre 29 e 69 euros en función do balneario).

Así, os prezos que deberán aboar os usuarios son os seguintes:

Balneario Termas de Cuntis: 69 euros; Balneario de Mondariz: 62 euros; Balneario Hesperia Isla de la Toja: 66 euros; Thalaso Atlántico de Oia: 61 euros; Balneario Baños de Brea de Vila de Cruces: 52 euros; Spa Oca Galatea de Sanxenxo: 51 euros; Spa Norat Marina do Grove: 48 euros; Spa Oca Katiuska de Silleda: 30 euros; Spa Torre do Deza de Lalín: 29 euros.

También te puede interesar