Os nacionalistas pedirán á Comisión Europea que ditamine se o proceso de compravenda de participacións preferentes cumpriu a normativa comunitaria en materia de produtos financeiros ou se estamos ante un caso de vulneración das normas en vigor en todos os Estado membros. Ase o anunciaron o portavoz municipal do BNG, Santi Domínguez, o deputado autonómico Henrique Viéitez e eurodeputada Ana Miranda despois dunha xuntanza que esta mañá mantiveron en Vigo con afectados polas preferentes.
A iniciativa parlamentaria que o BNG presentará na Eurocámara tamén demanda á Comisión Europea que concrete as medidas a adoptar para garantir que os afectados -arredor de 100.000 en toda Galicia, e 43.000 só no caso de NovaGalicia Banco-, recuperen a totalidade dos seus aforros.
A formación nacionalista cualificou de “inadmisible” que o Goberno da Xunta se dirixa á Comisión Europea a propoñer unha fórmula que non implica a devolución total dos depósitos. “É impropio dun Goberno ir a Bruxelas a defender unha fórmula que non defende os intereses dos galegos e galegas afectados senón das entidades financeiras”, sinalou Ana Miranda, ao tempo que esixiu que a Xunta aclare en que consiste esa arbitraxe.
“Espero que non consista en que os afectados renuncien a parte dos seus cartos ou que os canxeen por outros produtos financeiros de dubidosa rendabilidade”, alertou.