Segundo asegurou hoxe nunha nota de prensa, a Xunta de Galicia leva licitado no que vai de ano un total de 200 millóns de euros, dos que 188,9 millóns corresponden a publicacións no Diario Oficial de Galcia (DOG) e 11,1 millóns licitados a través da Sociedade Pública de Investimentos (SPI). Cómpre precisar que deste importe económico, 80 millóns de euros correspondentes á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
No que se refire a infraestruturas, nestes tres anos de lexislatura, segundo salienta o executivo galego, “a Xunta mantivo as súas prioridades en materia de estradas: o investimento en seguridade viaria e conservación, e o remate e pagamento das actuacións en execución”.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas puxo en servizo no que vai de lexislatura 87’5 km de novas vías de alta capacidade, aos que se sumarán outros 65 quilómetros este ano. Estas cifras suman un total de 152,5 km de novas estradas nesta lexislatura.
Na actualidade, a Xunta ten en execución 9 vías de alta capacidade (VAC): as autovías Ourense- Celanova e da Costa da Morte, VAC Tui- A Guarda, VAC Sarria- Monforte, VAC Costa Norte, Nó do Curro e as variantes de Marín, Ortigueira e Noia.
Investimento en 2012
O departamento que dirixe Agustín Hernández mobilizará en 2012 recursos públicos para investimentos produtivos por importe de preto de 500 millóns de euros, “tratando de aproveitar ao máximo o capital dispoñible para asegurar a dotación das infraestruturas e garantir a solvencia e a sostibilidade do sector público”. Estes presupostos permitirán rematar actuacións en 65 quilómetros de novas estradas, poñer en servizo 11 novas depuradoras e iniciar a construción de 8 novas, entre outras.