As aulas CeMIT de Vigo, A Cañiza e Ponteareas acollerán a partir do vindeiro luns unha actividade sobre deseño gráfico, de 15 horas, na que se analizarán as ferramentas e técnicas máis empregadas nesta especialidade. Esta actividade forma parte do Programa de Dinamización 2012 da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia (CeMIT).
Para o desenvolvemento desta actividade empregarase o sistema de videoconferencia e videocolaboración das aulas CeMIT o que permitirá desenvolver as actividades en formato presencial e telepresencial.
Nesta nova edición, o Programa de Dinamización conta ademais con outras actividades de 15 horas (sobre retoque fotográfico, community manager e streaming de audio e vídeo) e outras dúas máis amplas, de máis de 40 horas, sobre produción audiovisual e creación multimedia.
Os interesados poden informarse das datas de comezo de cada unha delas e reservar praza na aula CeMIT da súa localidade a través do 981 552 568 ou a da web http://aulascemit.xunta.es/inscripcion.
A Rede CeMIT, está integrada por 98 aulas presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo é promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.