
Delegad@s da CIG pecháronse este venres nas oficinas de Bankia de todas as cidades de Galicia para denunciar o “saqueo masivo e descarado” que se está a facer ás clases traballadoras, as inxentes axudas que recibiron e que van recibir as entidades bancarias e a impunidade de gobernos, banqueiros, promotores e especuladores.
Iníciase así unha nova campaña de mobilizacións coas que o sindicato nacionalista pretende informar e sensibilizar á poboación das desastrosas consecuencias que terá o anunciado rescate e chamar a participar na manifestación que ten convocada a central sindical para o día 1 de xullo.
As ‘ocupacións’, que se produciron en Compostela, Lugo, Vigo e Ourense, ao berro de “mans arriba, isto é un rescate”, transcorreron sen incidentes. No caso de Vigo o peche produciuse na oficina de Caja Madrid da rúa Urzáiz.
Coas ocupacións a CIG denuncia que os 100.000 millóns de euros, postos a disposición pola Unión Europea para sanear as contas das entidades financeiras españolas, demostran que era mentira o que dicían os gobernos do PSOE e do PP, de que o sistema financeiro español era un dos máis saneados do mundo.
Segundo o sindicatos, demostra tamén, que o grande problema da débeda do Estado Español é a débeda privada e non a débeda pública, como pretende facer crer o goberno do PP.