O deputado de Izquierda Unida, José Luis Centella, asegurou este venres en Ferrol que o gobernó dos Estados Unidos e o Pentágono están premendo ao presidente do Goberno para que non negocie contratos de buques militares con Venezuela para Navantia.
Centella, quen fixo estas declaracións logo dunha visita aos asteleiros ferroláns e dunha xuntanza co Comité de Empresa de Navantia, reclamou a Mariano Rajoy que faga valer a soberanía española, “porque hai presións para que non haxa relacións con Venezuela e o Goberno non pode escoitar máis ao Pentágono que aos habitantes de Ferrol”, asegurou.
O deputado esixiu ao executivo que defenda ao Naval, asegurou que “se é Venezuela a que pode resolver o problema pois benvida sexa” e lembroulle ao presidente que “os problemas de Navantia non son locais” ao tempo que denunciou que o Goberno do PP “declarou a guerra aos cidadáns co único obxectivo de salvar Bankia e o sector financeiro a custa da xente, en lugar de optar polas persoas“.
Por iso, IU solicitará no Congreso que o PP cumpra o que prometeu antes das Elección Xerais do pasado 20 de novembro en relación coa construción do dique flotante para a reparación de buques, que xeraría ocupación no sector naval. “Se o PP enganou a xente para obter votos, agora terá que dar conta”, dixo.
Así mesmo, Centella afirmou que IU tamén reclamará que se encargue a sexta fragata para a Armada Española que estaba comprometida en 2004, para que “se aposte por un sector estratéxico e pola economía produtiva” e manifestou o seu rexeitamento a unha posible “privatización de Navantia para facer caixa”.