A Rede de Centros para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (CeMIT) vén de poñer en marcha unha aula virtual na súa web, que permitirá aos usuarios formarse en novas tecnoloxías desde calquera punto con acceso a internet. O novo “Espazo Multimedia de Aprendizaxe” ten xa dispoñibles nove cursos de teleformación sobre diferentes categorías temáticas de capacitación dixital.
Os novos cursos en liña estarán abertos todo o ano, polo que non é necesaria a matriculación ou reserva de praza antes da realización do curso. Desta forma bastará con entrar no “Espazo Multimedia de Aprendizaxe” a partir dos enlaces destacados ou do apartado de teleformación da web CeMIT (http://cemit.xunta.es/teleformacion), identificarse como usuario da rede CeMIT e, unha vez dentro, premer no curso desexado para acceder aos seus contidos e poder comezar a formación.
Na web CeMIT xúntanse pequenos tutoriais nos que se explica, de forma breve, como se realiza o proceso de inscrición como usuario na rede CeMIT e a utilización do “Espazo Multimedia de Aprendizaxe”.
Temática
Os 9 cursos dispoñibles online formarán aos usuarios e usuarias na utilización de recursos, ferramentas e programas informáticos e abordan diferentes temáticas relacionados coas novas tecnoloxías. O catálogo de cursos en liña dispoñible é o seguinte : Cómo manexar os nosos datos persoais. Lei orgánica de protección de datos; prevención de Riscos Laborais no Uso das TIC; GIMP. Unha ferramenta en software libre para o deseño dixital; Audacity: edición de son en software libre; Openshot: unha ferramenta en software libre para a edición de vídeo; Klavaro. Unha ferramenta para mellorar a mecanografía; AbanQ: Xestión empresarial; elaboración de carteis e folletos: Scribus, Inkscape; xogos de adestramento mental: Gbrainy, Pezas e mini-aplicacións.
Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as actividades da Rede poden dirixirse á aula máis próxima, ou ben á páxina Web www.cemit.xunta.es