‘Painkillers’ e ‘El Bunga’ proclamáronse esta fin de semana campións galegos de Balonmán Praia, trala disputa da última proba que conforma o campionato, o Torneo de Cangas. No Campionato de España representarán a Galicia El ‘Painkillers’ na categoría masculina e BM Caselas, na feminina.
Na segunda edición do Campionato Galego de Balonmán Praia participaron un total de 31 equipos, o cal amosa o crecemento desta nova especialidade, que leva un gran espectáculo deportivo aos espectaculares areais galegos.
Esta fin de semana celebrouse o torneo de Cangas e na categoría masculina o gañador foi “Sin Semilla”, mentres que na segunda posición quedou “Tapería Abordaje” e terceiro foi “Bueu Atlético”. Na categoría feminina, o gañador foi “El Bunga” que superou na final a “As de Sempre”. O terceiro clasificado foi o “Balonmán Caselas”.
A segunda edición do Campionato Galego comezou o pasado día 23 de xuño na praia da Lamiña, na Guarda, e despois tamén competiron en Bueu, Nigrán, Vigo e Cangas. A clasificación do Galego realizase sumando os tres mellores resultados dos cinco torneos que conforman o campionato e para poder loitar polo título os equipos deben disputar un mínimo de tres probas.
Este ano unificouse o regulamento coa Federación Internacional de Balonmán Praia, xa que antes había diferentes normativas para cada torneo. Ademais hai que destacar que os partidos son dirixidos por árbitros designados polo Colexio de Árbitros, contando con colexiados internacionais, nacionais e territoriais.
A Federación Galega de Balonmán xa está pensando en crear o Campionato Galego de Balonmán Praia para categorías base e conseguir traer a Galicia o próximo Campionato de España de Balonmán Praia, que reunirá aos mellores equipos do Estado.