O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), vén de pór en marcha unha planta piloto de cultivo de microalgas con fins enerxéticos na estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Guillarei, en Tui, grazas a un acordo de coordinación con Augas de Galicia.
A instalación desta planta piloto, que conta cun volume de 160 metros cúbicos, permitirá estudar a viabilidade técnica, económica e ambiental da obtención de biocombustibles, ao mesmo tempo que se depuran augas residuais. A iniciativa encádrase dentro do proxecto europeo EnerBioAlgae e pode supoñer un importante avance tanto enerxético como ambiental, xa que facilitará, dunha parte, a redución da carga contaminante que chega ao medio ambiente grazas ao emprego de augas residuais e gases de combustión para o cultivo de microalgas, e, por outro, permitirá empregar este cultivo para a produción de biodiésel.
As microalgas son un organismo crucial non só producindo combustibles de orixe renovable como o biodiésel –que é biodegradable e non provoca efecto invernadoiro-, senón tamén, durante o seu crecemento, absorbendo grandes cantidades de dióxido de carbono proveniente dos gases industriais das instalacións existentes nas proximidades das zonas onde se cultiven.
Para o desenvolvemento do proxecto traballouse, nun primeiro momento, na selección dunha cepa de alga que tivese un crecemento rápido e contase cun contido elevado de aceites útiles para a produción de biodiésel. Dita cepa, da especie de microalga chlorella vulgaris, localizouse na EDAR de Gondomar. A continuación, o Inega buscou o emprazamento máis adecuado para a instalación da planta piloto, atendendo a unha serie de condicionantes que afectan ao crecemento das microalgas como o dióxido de carbono, a radiación solar, a temperatura ambiente ou o pH e a composición das augas, concluíndo que a mellor ubicación posible era a EDAR de Guillarei.
Unha vez remata a construción da planta piloto, o Inega,pretende demostrar a viabilidade técnica das tecnoloxías desenvolvidas a escala piloto e en condicións reais de operación, así como avaliar a súa viabilidade técnica e económica. Para elo, o proxecto se apoiará nos resultados obtidos por todos os socios ao longo do mesmo.
O Inega participa neste proxecto de cooperación transfronteiriza EberBioAlgae xunto ás universidades de Vigo e Almería, a portuguesa de Aveiro, e a francesa de Pau et Pays de l´Adour, ademais do Centro Nacional de Investigación Científica francés (CNRS). O proxecto, cofinanciado pola Unión Europea con fondos FEDER a través do Programa de Cooperación Territorial do Espazo Sudoeste Europeo, ten como obxectivo avanzar no emprego de microalgas como fonte de enerxía, xa sexa a través da biomasa ou mediante a conversión en biocombustibles.