Vigo al minuto

A Feira do Libro Antigo de Vigo pecha logo de 15 días aberta na Alameda

A Feira do Libro Antigo e de Ocasión de Vigo clausurou este domingo a súa XXI edición, aberta o pasado 21 de xullo. Os milleiros de visitantes que pasaron pola mesma tiveron á súa disposición máis de 60.000 exemplares de libros antigos, vellos, de saldo e de ocasión e que constituía unha oportunidade única para bibliófilos, coleccionistas e lectores. Entre as obras alí recollidas, os asistentes puideron atopar primeiras edicións dos escritores máis prestixiosos do panorama literario galego e español ao longo da historia; así como antigos xornais, revistas, cómics, novelas de saldo, libros de arte ou mapas.

Exemplares procedentes de todo o Estado

A praza de Compostela acolleu durante estes días 13 casetas, dous máis que o ano anterior, cheas de libros e outros materiais impresos ou manuscritos, procedentes de librerías de Galicia, Valencia, Madrid e Castela León. Dentro dun amplo espectro de prezos para os clientes, as obras oscilaban entre un euro e 20.000, con exemplares que databan desde o século XVI ata a actualidade.

Primeiras edicións de Valle Inclán, Rosalía de Castro, Castelao, Pío Baroja, Rafael Alberti  ou Camilo José Cela encheron os stands. O exemplar máis antigo da mostra foi Las obras de San Bernardo, que data do ano 1560; e o máis valioso Argos Divina, escrito no ano 1700 polo fraile Pallarés Gayoso. Ademais, a mostra brindaba a ocasión de atopar antigos xornais, revistas, cómics, novelas de saldo, libros de arte ou mapas.

Colaboradores

Na XXI edición desta feira, participaron as librarías galegas Cao e Solpor, de Pontevedra. Ademais, outras comunidades tamén quixeron colaborar neste certame organizado pola Federación de Libreiros de Galicia e o Cconcello de Vigo, en colaboración coa Consellería de Cultura e  Educación: Asilo del Libro e Al Tossal, de Valencia; Vobiscum, de Alicante; Cajón Desastre, de Ponferrada; Pariente, de Rueda; Marcos Cachuán, Luís Llera e Itziar Arranz, de Madrid; Maxtor, de Valladolid e Mario Montoya, de Toledo.

Recuperación do activo bibliográfico

O obxectivo fundamental destas feiras é o da recuperación  dun activo bibliográfico fóra de catálogo para expoñelo nas cidades galegas e complementar así a actividade bibliográfica realizada pola Federación de Libreiros e a Xunta nas feiras do libro novo de Galicia.

 

También te puede interesar