Os centros Quérote Máis, estiveron presentes a nivel formativo no curso escolar 2011-2012 nun total de 158 centros educativos, chegando a un total de 21.503 alumnos e alumnas ás que se lles ofreceu información en relación ás diversas temáticas como imaxe corporal e autoestima, convivencia, seguridade no uso das novas tecnoloxías, sexualidade e afectividade e prevención de consumos.
As intervencións tiveron unha duración de 100 minutos por sesión e a metodoloxía empregada por parte dos técnicos foi dinámica e participativa, “deixando lugar ao diálogo e á reflexión por parte do alumnado sobre as formulacións propostas”.
Nas mesmas contouse coa colaboración de entidades como a Garda Civil, a Policía Nacional, a AECC e diversas Concellarías que, mediante as devanditas actividades, contribuíron a unificar os talleres ofertados aos centros de estudo.
Ademais, leváronse a cabo 36 ciclos formativos dirixidos a familias, chegando a un total de 396 pais e nais e formouse a 126 profesores e profesoras, todo iso co obxectivo de abordar os temas que se traballan cos adolescentes extrapolando a información aos axentes educativos máis directos que inflúen na súa formación persoal.
Os centros Quérote Máis, repartidos por todo o territorio galego, a través do seu equipo multidisciplinar composto por traballadores sociais, educadores sociais e psicólogos, ademais de levar a cabo accións formativas no contexto educativo formal, diríxense a todos aqueles ámbitos de actuación relacionados coa xuventude, como asociacións xuvenís, concellos ou casas da xuventude. Ademais, os equipos do Quérote Máis tamén ofrecen a posibilidade de recibir asesoramento individualizado, anónimo e de carácter confidencial e gratuíto a todos aqueles usuarios que o precisen.