Galicia

A CIG acorda adiar a folga xeral para favorecer unha convocatoria con UGT e CCOO

A Executiva Confederal da CIG acordou adiar a data dunha nova folga xeral -prevista inicialmente para o 26 de setembro– co obxectivo de lograr unha convocatoria conxunta con CCOO e UGT. A decisión está pendente de ratificación polo Secretariado Confederal extraordinario que se celebra o vindeiro luns en Santiago de Compostela, organismo que integra as distintas comarcas e federacións.

A través de comunicado, o secretario xeral da central nacionalista, Suso Seixo, explicou que na xuntanza valorouse a posibilidade de lanzar a convocatoria en solitario, “mais entendiamos que esta decisión podería ter os seus perigos”.

Neste senso, o líder da CIG indicou que despois das masivas mobilizacións conxuntas do pasado 19 de xullo “hai moitas expectativas creadas e se imos nós en solitario pode levar a que a resposta non sexa tan contundente como merece o actual contexto económico e social”.

Deste xeito, a Executiva Confederal da CIG aposta por seguir a traballar con CCOO e UGT “para que se convenzan da necesidade dunha folga xeral”.

En canto á data da convocatoria, Seixo indicou que a barallada inicialmente -0 26 de setembro, coincidindo co paro xeral convocado en Euskal Herría pola maioría sindical vasca- “parecíanos axeitada porque chegaría antes da aprobación dos Orzamentos e das eleccións autonómicas, pero sempre no caso de que fose unha convocatoria conxunta das tres centrais”.

Do contrario -explica o máximo resposábel da CIG- o PP podería intentar desprestixiar a convocatoria utilizando o argumento de que se fai para favorecer os intereses de determinada forza política do campo do nacionalismo galego.

Finalmente, adiantou que a decisión que se tome no Secretariado Confederal do luns será comunicada ao día seguinte na asemblea de delegad@s que tamén terá lugar en Santiago.

También te puede interesar