Milleiros de persoas manifestáronse, convocados pola Plataforma Galega en Defensa dos Sevizos Públicos, este sábado polas rúas de Santiago en defensa dos servizos públicos e en contra da criminalización dos funcionarios. A manifestación partiu dende a Alameda con destino á sede da Xunta baixo o lema ‘En defensa dos servizos públicos. Non aos recortes dos nosos dereitos’.
A mobilización, convocada por os sindicatos que integran a plataforma –CC.OO., CIG, UGT, CSIF, CESM, O’MEGA, Satse, Usase, ANPE, STAJ, CEP, SUP, UFP, AUGC, UniónGC, CGT, USO, USTG, SIAT e ACAIP, congregou na capital galega a unhas 10.000 persoas, segundo datos das entidades sindicais.
Os manifestantes camiñaron acompañados por grupos de gaitas e berrando consignas en contra das políticas de recortes en materia pública por parte dos gobernos autonómico e central. Ao longo da mobilización puideron escoitarse lemas como “o público é servizo, o privado beneficio!”, ou “hai que recortar ao Partido Popular!”“.
Carmen López, representante da CIG, logo de lembrar no estado de abandono no que están a Educación e as Sanidade, afirmou que “é escandaloso como a Xunta está a facer ofertas a empresas privadas para a xestión de servizos que ten que facer o goberno galego directamente”. Pola súa banda, Ramiro Otero, de CCOO criticou a política do presidente Feijóo e salientou que a mesma “axuda a que, cantas máis crises haxa, máis posibilidades ten Rajoy de poñerse aos pés de Merkel”. Por último, José Manuel Vázquez, de UGT, manifestou que “este Gobern o rematou en oito meses co dereito laboral que contempla a Constitución e que foi aprobado, por acordó de todos os partidos, na Transición”.