Vigo al minuto

O que había en Samil e Argazada non eran medusas

Pasadas as 5 da tarde deste mércores, o Concello recibiu  aviso da presenza dunha ‘masa xelatinosa’ en varios puntos da beira da praia de Samil, localizando a máis numerosa no areal da Argazada, tras as rocas de Cabo Mar.  Segundo informa a Concellería de Medio ambiente, “de xeito inmediato, retiráronse mostras para ser analizadas”, aínda que “nunha  primeira valoración técnica xa se descartou que foran medusas”.

Pouco despois, técnicos municipais confirmaron que se trataba da chegada masiva de ‘Salpas’, un invertebrado marino de composición xelatinosa e de consistencia similar ás medusas pero sen células urticantes e que non supoñen perigo algún para os bañistas. Segundo os expertos, trátase dun fenómeno cíclico e asociado ao final do verán e inicio do outono moi apreciable e observable no entorno subacuático.

En todo caso, asegura Medio Ambiente, “por prevención, antes de ter confirmación oficial de qué era o que se atopaba na auga, activouse o protocolo de medusas”, que foi desactivado sobre as 6 e media, unha vez comprobado que non había risco para a poboación.

 

También te puede interesar