(foto: web CIG) Os traballador@s de Hermanos Rodríguez Gómez, empresa dedicada á maquinaria industrial cun cadro de persoal de 60 persoas e radicada en Vigo dende 1960, levan xa máis dun mes en folga para reclamar o pago dos máis de sete meses de salarios que se lles adebeda, ase coma para evitar o peche da súa actividade.
Segundo informa este mércores o sindicato CIG, dende hai varias semanas manteñen vixiadas as instalacións da compañía, no peirao de Bouzas, en quendas de 24 horas para evitar a saída de material, mentres que para o vindeiro luns teñen convocada unha nova manifestación.
Dende o comité de empresa explican que adoptaron a decisión despois de que os problemas para cobrar iniciados hai meses se agudizasen nos últimos tempos. A duración dos paros foi inicialmente de dúas horas diarias, mentres que na actualidade esténdense xa a media xornada.
- (foto: web CIG)
Ao mesmo tempo, un nutrido grupo de traballador@s concéntrase todos os días fronte á compañía e mantén as instalacións vixiadas en quendas de 24 horas para evitar que o propietario poida sacar maquinaria ou material, como xa intentou con anterioridade.
Os representantes do cadro de persoal denuncian tamén que a compañía vén de presentar un ERE extintivo para todos os empregad@s e anuncian que seguirán coas mobilizacións no caso de que a empresa continúe sen abonarlles os soldos.
De feito, o vindeiro luns celebrarán unha manifestación que partirá ás 11:00 horas do colexio Santiago Apóstol para rematar fronte á sede de Asime.