Vigo al minuto

A CIG comeza as mobilizacións contra os orzamentos do PP que manterá ate o vindeiro día 4

Centos de delegados da CIG participaron e nas concentracións convocadas en todas as comarcas galegas para rexeitar a aprobación do Anteproxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2013. A central nacionalista denuncia que o Goberno español utiliza a escusa da austeridade e o control do déficit para “reducir o investimento público ao tempo que aumenta o gasto para pagar os xuros da débeda”.

As protestas celebráronse logo da aprobación dos Presupostos do Estado para 2013, “unhas contas públicas que afondan no recorte de dereitos, servizos e prestacións sociais e no deterioro das condicións laborais e de vida da maioría social”. Nesta liña se manifestou o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, O máximo responsábel da central nacionalista salientou aspectos especialmente negativos do documento, como a conxelación salarial ou a taxa de reposición do 0% para os empregados públicos. “Pola contra, o Goberno español do PP decidiu incrementar o gasto para pagar 38.000 millóns de xuros da débeda pública, confirmando que se está a premiar a especulación da banca coa débeda”, indicou.

Ademais, Seixo advertiu que o Executivo de Rajoy ten previsto acompañar estes restritivos orzamentos cun Plan de Reformas que implicará, entre outras medidas, a “liberalización” de sectores públicos e a privatización de empresas. “Van introducir novas reformas no mercado laboral, no sector público e nas pensións, o que se traducirá en máis privatizacións e maior precarización das condicións de traballo, ademais de dificultar o acceso á xubilación parcial e anticipada”.

O secretario xeral da CIG censurou tamén a pouca credibilidade duns Orzamentos que “antes de que entren en vigor ou antes de que remate o ano serán modificados”. Ao mesmo tempo, salientou o feito de que sexan presentados xusto antes de tres procesos electorais, “o que demostra a súa clara intencionalidade política”. Para Seixo resulta moi pouco fiábel fixar o déficit para 2013 nun 4,5%, de igual xeito que “prever un incremento dos ingresos pola subida do IVE cando están a caer os salarios e o desemprego segue a aumentar”.

Finalmente, lembrou que a CIG está a desenvolver unha campaña co obxectivo de denunciar diante do pobo galego as nefastas consecuencias” que tivo para Galicia o Goberno de Núñez Feijoó que inclúe manifestacións en todo o  país o vindeiro xoves día 4 de outubro.

 

También te puede interesar