Deportes Vigo al minuto

Máis de 300 escolares inscritos nas escolas deportivas do Seis do Nadal

Club Baloncesto Seis do Nadal – Coia iniciou xa o curso 2012-2013 nas Escolas Deportivas de Baloncesto. Un total de 11 escolas deportivas iniciarán esta semana os seus adestramentos de baloncesto das mans de técnicos e monitores da entidade de Coia.

Ás escolas de baloncesto dos centros educativos CEIP Seis do Nadal, CEIP Illas Cíes, CEP Celso Emilio Ferreiro, CEIP Pintor Laxeiro, CEIP Javier Sensat, CEIP Doutor Fléming e Colexio Don Bosco; e ás escolas deportivas municipais de Balaídos, Berbés e Navia; se lle sumará a escola deportiva do CEIP Sárdoma-Moledo, nova escola do club para o presente curso 2012/2013.

Con máis de 300 escolares inscritos nas Escolas Deportivas do Club Baloncesto Seis do Nadal – Coia botou a andar o novo curso 2012-2013. Con oito meses aínda por diante, de outubro a maio, tódolos nenos/as inscritos adestrarán, progresarán e disfrutarán co deporte da canastra.

Para iniciar este novo curso escolar os alumnos e alumnas do CEP Celso Emilio Ferreiro de Coia recibiron a visita do Club Baloncesto Seis do Nadal. A través dun torneo interclases, membros da entidade achegaron o baloncesto e presentaron a escola deportiva do centro a tódolos alumnos e alumnas dos cursos: terceiro, cuarto, quinto e sexto de Educación Primaria.

Preto de 200 nenos e nenas do CEP Celso Emilio Ferreiro participaron nos torneos interclases de promoción organizados polo Club Baloncesto Seis do Nadal – Coia, iniciativa que achegou o baloncesto aos alumnos do centro vigués e deu a coñecer a escola deportiva do centro que se desenvolve os luns e martes de 16:00 a 17:00 horas.

O club Club Baloncesto Seis do Nadal – Coia informa que en tódalas Escolas Deportivas de Baloncesto do presente curso escolar 2012-2013 existe unha inscrición permanente, polo que calquera neno e nena que o desexe aínda pode apuntarse.

You may also like