Comarcas

A Aula de O Porriño da Rede CeMit inicia o día 24 unha actividade sobre a creación multimedia e web 2.0

Desde o vindeiro 24 de outubro e ata o 12 de novembro desenvolverase unha actividade sobre Creación Multimedia e Web 2.0 na Aula da rede CeMIT do Concello de O Porriño. Esta actividade gratuíta de 40 horas ten por obxecto facer un percorrido polos procedementos básicos de creación de contidos adaptados á web, o proceso de obtención, edición e optimización, e finalmente publicación en servizos web 2.0. Contémplanse recursos de todo tipo: textos, imaxes, audio ou vídeo.

O curso desenvólvese no Centro Multiusos de Torneiros, e noutras 11 aulas en diferentes puntos de Galicia, mediante o sistema de aulas virtuais, que permiten a comunicación entre todos os participantes en tempo real a través de imaxe, chat, compartición e control de aplicacións remotas.

Plan de Dinamización

Esta iniciativa desenvólvese no marco do Plan de Dinamización 2012, no que a Rede CeMIT levou a cabo distintas actividades con temáticas relacionadas co sector multimedia e audiovisual, como o curso sobre streaming de audio e vídeo, posicionamento web, televisión en internet ou producción audiovisual, entre outros. O Programa de Formación da Rede CeMIT atópase cofinanciado polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2007-2013.

A Rede CeMIt

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado. A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: http://cemit.xunta.es/centros. Do mesmo xeito, os contidos do Plan de Dinamización e da carta de servizos están dispoñibles na web http://cemit.xunta.es.

 

También te puede interesar