Galicia

Máis ‘municipales’

Un total de 51 novos policías locais de diferentes concellos de Galicia tomarán posesión este luns, despois de máis de nove meses de formación na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) da Estrada. Os concellos que recibirán novos axentes son os da Coruña, Culleredo, Ourense, Ribeira, Pontevedra, Tui, Redondela, Mos, Oroso, Camariñas, Cambre, Ferrol, Sanxenxo, Poio, Coristanco e Arteixo.

Os novos axentes, que pertencen á oitava promoción dos corpos da policía local de Galicia, veñen de superar o curso básico de capacitación para o ingreso nos corpos da policía local, que deu comezo na Agasp no mes de xaneiro e rematou este domingo Durante os nove meses os alumnos recibiron 900 horas de formación e máis de 500 horas de practicas nos concellos de orixe, tutelados pola Academia.

Os policías locais recibiron preparación para afrontarse con éxito as situacións que na rúa se poidan plantexar, así como en materias mais teóricas coma dereito penal, procesual ou administrativo. Ademais, tiveron unha importante carga lectiva totalmente práctica e dedicada á propia función policial.

Formación máis práctica

Esta promoción é a segunda que cursa o novo plan de formación para os cursos básicos de ingreso, aprobado en 2010, e que esta edición se caracteriza por un incremento de máis dun 40% das horas prácticas e o emprego de simulación de situacións reais.

Nesta edición os axentes familiarizáronse con aparellos como o “drogotest”, o etilómetro e o bastón policial extensible, o que lles permite chegar aos seus concellos de destino perfectamente formados e habilitados para exercer as súas funcións. Ademais, tamén realizaron simulacros de situacións de emerxencias, dende un accidente de tráfico con feridos moi graves que requirían evacuación, ata incendios, secuestros ou atracos, nalgúns casos en coordinación coas demais forzas e corpos de seguridade e emerxencias.

 

Te podría interesar