Galicia

Natación terapéutica da man de COGAMI

Máis de 150 persoas con discapacidade da nosa comunidade benefícianse da natación terapéutica a través da Confederación Galega de Persoas con Discpacidade (COGAMI) a través dun proxecto que busca a mellora da saúde das persoas con discapacidade, tendo como finalidade unha atención especializada para que non se produzan retrocesos no estado da discapacidade debido á falta de atención especializada.

Segundo informa este mércores COGAMI, o programa de natación terapéutica permitira a participación das persoas con discapacidade de distintos concellos do rural galegos, unhas zonas que sempre contan con menos recursos por ser núcleos de poboación dispersos, menos poboados, con dificultades de comunicación de transporte ou con escasos medios económicos.

É así como xurde a idea de crear un programa de natación terapéutica que se vai desenvolver en 16 concellos das catro provincias, permitindo que se poidan beneficiar 150 persoas usuarias de entidades que forman parte do movemento asociativo de COGAMI.

As zonas nas que se vai levar a cabo este programa van ser:

A Coruña: No concello de Arzúa vai participar a entidade Amarai de persoas con discapacidade das comarcas de Arzúa e Terra de Melide;  persoas usuarias do centro que ten COGAMI en Ferrol van poder acudir á piscina de Narón; a asociación Adisbismur de persoas con discapacidade da comarca muradá utilizará as instalacións da piscina municipal de Outes; mentres que a asociación Amico de persoas con discapacidade da comarca compostelá que acudirá á piscina de Roxos, en Santiago, para recibir natación terapéutica.

Lugo: Usuarios do centro que ten COGAMI en Lugo van poder acudir á piscina de Chantada; dende a asociación Agora beneficiaranse do programa de natación na piscina municipal de Monforte e a asociación A Mariña-COGAMI participará tanto na piscina de Ribadeo como na do concello de Xove.

Ourense: A asociación de Fibromialxia e fatiga crónica (Affou) utilizará a piscina do concello de Ourense mentres que en O Barco de Valdeorras acudirán as persoas usuarias da asociación de persoas con discapacidade deste concello, Disvalia.

Pontevedra: As persoas usuarias de COGAMI-Deza van acudir á piscina municipal de Lalín; o centro de recursos que COGAMI ten en Mos tamén vai participar neste programa tanto no concello de Mos como no de O Porriño; á piscina do concello porriñés tamén acudirá a asociación Asodifisi, mentres que a asociación Adapta vai utilizar as instalacións de Ponteareas e a asociación Vontade desprazarase ata a piscina municipal do concello de Tomiño.

O programa aplicarase a modo de dúas sesións mensuais de 45 minutos de duración cada unha ata que chegue aos eu fin no próximo mes de xuño. En total distribúese en 16 sesións  de terapia acuática, que non só ten por que ser natación, tamén pode ser hidroterapia, tratamento nun balneario co que se teña concerto ou outra tipoloxía que teña como elemento rehabilitador a auga.

En grupos que non superan as dez persoas, estas  van experimentar unha mellora física e psicolóxica a través dos catro exercicios básicos de natación que repercuten na mobilidade, a flotación, a respiración e a propulsión. Ademais, as persoas participantes deste programa experimentarán unha maior interacción social porque as actividades desenvolveranse en piscinas municipais.

También te puede interesar