O comité de empresa de Infinita Renovables en Ferrol advertiu este sábado de que o expediente de regulación de emprego (ERE) temporal que anunciou a compañía afectará ao 85% da plantilla e avisou de que “moitos dos empregados xa non teñen prestación por desemprego porque a esgotaron no expediente anterior”. Por iso, acusaron a empresa de actuar con “falta de sensibilidade”.
Nun comunicado, os representantes dos traballadores lembraron que o pasado xoves a empresa lles comunicou a intención de aplicar outro ERE temporal rotatorio dun ano, que comezará o 1 de decembro. A medida afectará o 85% dos 35 traballadores da planta.
A empresa atribuíu a decisión a que o Goberno deu marcha atrás nas súas políticas de protección da produción nacional e a aprobación da nova orde ministerial que anula o procedemento de asignación de cotas de biodiésel previsto nunha anterior orde, ditada o pasado mes de abril.
Na primeira reunión, sinala o comité, a compañía advertiu de que este novo ERE será “máis restritivo que o anterior, condenando os traballadores a quedar sen prestación por desemprego durante a regulación”, posto que a maioría a esgotaron xa.
Ademais, considera que, malia que na primeira reunión a empresa manifestou a súa intención de manter todos os postos de traballo, “os pasos que están a dar evidencian todo o contrario“. “Primeiro deberíanse tomar outra serie de axustes menos traumáticos e non que sempre vaian na dirección dos traballadores”, reclama o comité.