Galicia

aumenta o tráfico de mercadorías nos peiraos de titularidade galega

O tráfico portuario de mercadorías nos peiraos de titularidade autonómica rexistrou un incremento interanual do 7,6% ao peche do terceiro trimestre do ano. Segundo o último informe de xestión de Portos de Galicia, correspondente ao mes de setembro, o movemento de mercadorías acumulado nos 9 primeiros meses de 2012 situouse en 1,44 millóns de toneladas, fronte ao 1,34 do pasado ano.

Nunha análise porto a porto, os peiraos que lideran esta actividade no acumulado do exercicio actual son os de Cariño, con 425.248 toneladas acumuladas nos tres primeiros trimestres de ano; Ribadeo, con 368.896 toneladas; e Brens-Cee, con 280.249 toneladas. A este respecto cómpre destacar o incremento de actividade do peirao de Brens, que rexistrou unha suba do 120% respecto ao acumulado no mesmo período de 2011.

Polo que respecta en concreto ao propio mes de setembro, os portos de maior actividade foron tamén Ribadeo, Cariño e Cee, con 41.070, 31.352 e 30.848 toneladas, respectivamente.

En canto á pesca fresca, ata setembro deste ano, descargáronse nos peiraos autonómicos 76.297 toneladas de peixe. Por áreas xeográficas, os portos da costa cantábrica foron os máis activos ao rexistrar un total de 35.975 toneladas descargadas nestes 9 meses. Os da provincia da Coruña acadaron as 33.681 toneladas e os de Pontevedra, 6.640.

A instalación que máis peixe fresco descargou ao peche do terceiro trimestre foi a lonxa de  Ribeira, con 20.494 toneladas, seguida de Burela, con 18.005 e Celeiro, con 16.451. O peixe fresco descargado nos peiraos autonómicos volveu supoñer a maior porcentaxe do total de descargas en Galicia, superando o 57%.

 

También te puede interesar