No ano 2011 a porcentaxe de concellos que permitían iniciar a tramitación telemática de procedementos administrativos elevouse ao 56%, o que supuxo un incremento de 20 puntos respecto a 2010. É un dos datos destacados do resultados do informe sobre a Administración electrónica nos concellos de Galicia correspondente ao ano 2011 elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
O informe repasa a situación das infraestruturas, equipamento así como o nivel de desenvolvemento da sede electrónica nos concellos, a interoperabilidade entre administracións, o uso de sistemas de certificación dixital para a identificación dos empregados públicos e cidadáns na tramitación de expedientes, etc.
Sede electrónica
O 18,7% das entidades locais dispón dunha sede electrónica, seis puntos máis que no ano 2010, sendo os elementos con maior nivel de implantación o Rexistro electrónico e a identificación electrónica da cidadanía. Case o 9% dispón dun catálogo de procedementos, que é accesible desde Internet no 74,4% dos casos, 9 puntos porcentuais dende o ano 2010.
A práctica totalidade dos concellos galegos teñen páxina web corporativa con información municipal, acadando o 100% naqueles que contan con máis de 5.000 habitantes, valor semellante ao acadado fai un ano.
O mecanismo de identificación dos usuarios ou visitantes da web máis común é o nome e contrasinal, no 14,5% dos concellos, mais o que ten un maior crecemento é o uso dun certificado dixital, no 13.5%, case un punto máis que no ano 2010.
Intercambio de datos entre Administracións públicas
Unha das claves para o impulso da administración electrónica nos concellos é avanzar na interoperabilidade, a intenreconexión dos sistemas informáticos das Administracións para , entre outras vantaxes, evitar que cidadáns e empresas presenten documentación que xa obra en poder das Administracións Públicas. Neste sentido o Centro de Proceso de Datos Integral (CPDI), configúrase como a infraestrutura tecnolóxica chave que actuará como o nodo que posibilitará a conexión entre os servizos dixitais dos concellos galegos e os do Estado.
O 45,7% dos concellos recibiron documentos con certificados electrónicos doutras entidades públicas e un de cada tres, o 32,5% realizaron envíos de documentación administrativa, 5 puntos porcentuais máis que no ano 2010.
O 83% dos concellos galegos accederon aos sistemas de información doutras Administracións para realizar consultas, 7,5 puntos por riba do 2010, e un 44,8% dispoñen de procedementos interadministrativos integrados nun mesmo sistema informático, tamén 5 puntos máis que no 2010.
Esta dinámica ven facilitada en boa medida pola existencia do portal EidoLocal e a rede SARA, que actualmente pon a disposición das entidades locais diversos servizos de intercambio de información e contidos coa Xunta de Galicia e o goberno do Estado.
Identificación e certificación dixital
O 92% dos concellos emprega algún tipo de identificación electrónica para o acceso aos seus equipamentos informáticos por parte dos usuarios. Neste senso, un 41,8% utilizou o DNI electrónico ou o certificado dixital no ano 2011, observándose un crecemento de 4 puntos en relación ao 2010 (37,7%).
Dende o ano 2006 duplicouse case o uso do certificado dixital por parte da alcaldía, pasando do 46% ao 88,5% no 2011. Este incremento aínda foi máis notable no caso dos interventores municipais (do 21,2% ao 94,2% neste período), da secretaría (do 36,1% ao 94,2%) e dos concelleiros/as (do 3,1% ao 31,7%).
Inclusión dixital e formación TIC
Os concellos enquisados manifestan que a principal barreira á administración electrónica é a falta de recursos económicos, o 21,6% e a falta de coñecemento e formación do persoal interno, o 10%.
A Rede CEMIT, posta en marcha o ano pasado e que conta con 98 aulas en 92 concellos está a permitir por un lado a formación do persoal das administracións locais nas ferramentas TIC e por outro, o da propia cidadanía tanto nas aplicacións básicas do mundo dixital como na difusión e formación das relacionadas con ámbitos específicos: para o mundo gandeiro, o pesqueiro, o acceso a rede sanitaria, etc.