O Bloque Nacionalista Galego (BNG) advertiu de que o suicidio dunha muller este venres en Barakaldo cando ía ser desafiuzada é unha consecuencia da “banca asasina”, polo que o cualificou de “asasinato”. Pola súa banda, Anova, formación que lidera Xosé Manuel Beiras e que concorreu ás eleccións con Esquerda Unida dentro da coalición Alternativa Galega de Esquerda (AGE), reafirmouse en que “determinadas políticas e recortes en sanidade matan”.
En rolda de prensa, o voceiro nacional do BNG asegurou que a“banca asasina fai o que lle dá a gana porque quen ten a obriga de facer algo non o fai”. Para Guiellerme Vázquez a morte de Amaia Egaña “é un asasinato, non hai outro cualificativo, e ten como cómplices quen lle permite iso”.
Ao mesmo tempo, a voceira do Bloque no Congreso esixiu ao Goberno que “se deixe de xestos propagandísticas e actúe dunha vez contra os criminais bancarios, que están a levar a moita xente á morte”. Olaia Fernández reclamou a “comparecencia urxente” do ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, e a do presidente do Goberno para que “expliquen as medidas urxentes que van tomar” para parar os desafiuzamentos hipotecarios” e se “teñen previsto tomar medidas de apoio económico e social ás vítimas desta criminalidade”.