O que era director xeral da Mariña Mercante o día do naufraxio do ‘Prestige’indicou, na última sesión do seu interrogatorio no xuízo pola catástrofe marítima, que o barco “non cumpría as esixencias da normativa vixente para levalo a un porto refuxio” e, ademáis volveu a negar que non se considerou que fose á Ría de Corcubión a causa dos ventos.
“O barco non estaba para movelo de acá para alá”, precisou José Luis López Sors, quen culpou o capitán, Apostolos Mangouras, e a empresa de rescate Smit, contratada polo armador, dos atrasos no remolque ou nas decisións a partir do día 15. Así, sostivo que embarrancaría “se non actuase a Administración española”.
López Sors xustificou de novo o afastamento e engadiu que, “de achegalo ao litoral galego, os danos serían enormes en diñeiro, en riqueza e en tempo pola permanencia da contaminación na costa”, e puxo coma exemplo o ‘Exxon Valdez, “embarrancou na costa e afectou ao dobre de lonxitude que o Prestige”, asegurou.
A toma de declaracións dos acusados concluíu este mércores con Sors, motivo polo que o xuízo se continuará o próximo 11 de decembro coas testificales, entre elas a do excapitán marítimo de A Coruña, Ángel del Real, e o que era responsable do Centro de Control de Tráfico Marítimo de Fisterra, José Pose.
O exdirector xeral da Mariña Mercante, que insistiu no “perigo de afundimento” do buque, achacou ao capitán o atraso na actuación para intentar remolcar o barco, e engadiu que “esas tres horas se converteron en 15 ao pasar do día á noite”.
Asimesmo, o ex director xeral confirmou que a decisión de manter o afastamento do barco, unha vez que se conseguiu a súa estabilización, “se tomou tras conseguir o arranque da máquina e despois de descartar outras opcións”.