Vigo al minuto

A CIG denuncia que Novagalicia Banco quere empezar os despidos e telos rematados en xuño

Novagalicia Banco vén de citar ás centrais sindicais para comezar o día 10 de decembro co proceso de restruturación da entidade. Na que, segundo a Confederación Intersindical Galega (CIG), amosa “a premura coa que se quere pór en marcha o ERE, que sería xa o cuarto, e a pretensión de telo rematado en seis meses”. Na opinión da CIG,esta convocatoria coincide coa filtración do Banco de España de que Novagalicia Banco sairá a poxa pública antes do verán de 2013, o que supón que xos despidos,  “o que se pretende é facer máis atractiva a entidade para poder vendela co traballo feito”.

O secretario nacional de CIG-Banca lembra que, en todo caso, o propio convenio colectivo recoñece que antes de iniciar o período legal de conversas do ERE, que é de 15 días, hai outro, adicional, de conversas, estabelecido para dar máis tempo ás negociacións.

Alén diso, Clodomiro Montero denuncia o desigual tratamento, por parte do goberno central, a Novagalicia fronte a outras entidades como Bankia. O Real Decreto de 31 de agosto estabelece que Bankia é sistémica para o estado español e que a súa desaparición ou venda tería un grande impacto sobre a economía do Estado e o sistema financeiro. Porén, para Montero, “trátase dunha decisión de carácter político coa que, en realidade, se trataría de preservar o banco do Partido Popular no que, até hai ben pouco, foi presidente o propio Rodrigo Rato”. Montero  subliña que Novagalicia Banco si é sistémica para Galicia, toda vez que representa un 10% do PIB e ten o 40% da cota de mercado.

O pasado luns, día 3 de decembro, a CIG-Banca asistiu a unha reunión co Presidente da Entidade da que tiraron poucas novidades, máis alá de que se lles insistiu novamente na viabilidade do seu proxecto. En todo caso, Montero denuncia que na xuntanza tratouse de trasladar a responsabilidade da continuidade do proxecto á aceptación dos 2.500 despedimentos por parte da representación sindical. Alén diso, denuncia que Recursos Humanos pretendía convocar unha reunión para comezar a falar xa dos 2.500 despedimentos para este mesmo mércores, cando sabían que estaba prevista unha xuntanza de todos os sindicatos para analizar os pasos a dar.

“Goberno Central, Bruxelas, e a dirección do banco levan meses e meses negociando, pero pretenden que nós aceptemos as súas imposicións en dous días. Teñen presa, nós ningunha, estamos ante unha cuestión que queremos abordar de xeito serio e rigoroso, como non podía ser doutro maneira”, explica Montero.

 

También te puede interesar