Un total de 202 condenados por delitos relacionados coa seguridade no tráfico rodado participaron no que levamos de 2012 en 7 obradoiros de educación viaria, en Ourense, Vigo, Santiago e Ferrol, promovidos pola Xunta, en colaboración coa Asociación de Criminólogos de Galicia (CRIGA).
As prazas foron distribuídas, baixo a responsabilidade de Institucións Penitenciarias, previa entrevista dos penados para determinar a actividade máis axeitada a cada un deles, e segundo as súas características persoais, a súa capacidade laboral e a súa contorna social, persoal e familiar. A execución da actividade desenvólvese baixo o control do xuíz de vixilancia penitenciaria e dos servizos sociais de Institucións Penitenciarias. Os talleres constaban dunha fase formativa e outra de realización de actividades de utilidade pública.
Estes cursos puideron desenvolverse grazas á modificación do código penal, que entrou en vigor no ano 2010. O cambio posibilitou que os traballos en beneficio da comunidade poidan consistir na participación do penado en talleres ou programas formativos ou de reeducación, laborais, culturais, de educación vial, sexual e outros semellantes.
O obxectivo desta iniciativa á avanzar na mellora do sistema que permite que baixo concretas circunstancias, a pena consista en traballos en beneficio da comunidade, o que reporta non só un aliciente para o penado en aras a súa futura conduta, senón que reverte na comunidade como prestataria dos seus servizos.