Este sábado, ás 12:00 horas, realizarase a inauguración das sinalizacións do roteiro Sons de mulleres, un proxecto de Mulheres Nacionalistas Galegas que conta co apoio e colaboración do Concello de Vigo e que foi concibido como o I Roteiro en Feminino de Vigo co obxectivo de visibilizar as mulleres que, individual ou colectivamente, teceron a historia de Vigo.
A iniciativa tráduce no percorrido por quince puntos situados fundamentalmente no casco histórico da cidade, nos que, dun ou doutro xeito, as mulleres deixaron a súa pegada e a súa contribución á identidade de Vigo, aínda que a propia historia da cidade as teña silenciadas.
Este acto terá lugar no punto nº 14 no espazo contra a Violencia de Xénero, situado na rua Ronda de Don Bosco, ao lado do Museo de Arte Contempóranea de Vigo (MARCO).
Nestes 15 puntos do roteiro hai espacios que son froito das reivindicacións e do traballo máis recente do Movemento Feminista: a Praza 8 de Marzo, a Biblioteca Feminista ou a Casa das Mulleres; lugares que recuperan a memória de mulleres vítimas da represión franquista: Urania Mella, Olimpia Valencia ou Rosario Hernández -A Calesa-, que loitaron pola liberdade nas rúas da cidade, nos sindicatos e na vangarda cultural; Pedagógas que defenderon os dereitos das mulleres, loitando por unha educación que aínda hoxe é soño de futuro: Concepción Arenal, Ernestina Otero ou Antia Cal; lugares de creación artística e literaria, como foi a imprenta de Juan Compañel onde Rosalía de Castro sacou do prelo en 1863 Cantares gallegos; lugares que recoñecen o compromiso político; e lugares que recoñecen o traballo nas conserveiras, na ribeira do Berbés ou as ostreiras, nos lavadoiros comunais ou nos mercados, ou ás mulleres que tiveron que emigrar.
A realidade de Vigo vive de costas á visibilización das achegas das mulleres. De ahí a importancia deste roteiro recuperando a historia desde unha perspectiva de xénero, visibilizando e empoderando a inmensa labor que temos realizado as mulleres.
Con este Roteiro, quérese cadar que Vigo poña en valor a Igualdade tan necesaria para construir unha sociedade democrática. Unha sociedade onde as mulleres e os homes teñamos os mesmos direitos, onde a desigualdade sexa erradicada das nosas vidas asi como as súas consecuencias.
Si o tempo non o permite, celebrarase o acto no interior do MARCO.