Aínda tes tempo, até o vindeiro mércores día 19. para apuntar aos teua cativos de 4 a 14 anos aos obradoiros de Nadal que organiza, un ano máis, a Concellaría de Servizos Sociais, Muller e Igualdade do Concello de Redondela.
O principal obxectivo desta actividade é promover a conciliación da vida familiar e laboral nas familias durante estas vacacións de Nadal, ao mesmo tempo que ofrecer a posibilidade de que as nenas e os nenos dispoñan dun espazo lúdico alternativo nas vacacións de Nadal.
Este ano, e continuando coa liña do Programa Municipal de Conciliación, ademais das actividades lúdicas e de ocio, os rapaces e rapazas poderán gozar tamén con actividade física lixeira, adaptada aos seus gustos.
Estes obradoiros, aos que hai que apuntarse previamente, ofértanse para nenas e nenos de 4 a 14 anos, cuxa nai ou pai teña unha antigüidade no empadroamento no concello de Redondela de como mínimo 1 ano.
Os obradoiros desenvolveranse os días 24, 26, 27, 28, e 31 de decembro de 2012 e 2, 3 e 4 de xaneiro de 2013, en horario de 09.30 a 13.30 horas, nos seguintes centros: Multiusos de Redondela, multiusos de Chapela, centro cultural de Cedeira, centro cultural de Cesantes, centro cultural de Vilar de Infesta e a Asociación cultural e deportiva A Miñoteira (Ventosela).
En cada centro ofértanse un total de 30 prazas, ascendendo o total do programa a 180 prazas, que serán adxudicadas por rigoroso orde de entrada da Ficha de inscrición no Rexistro Xeral do Concello.
Este ano, por primeira vez e dando resposta a unha demanda da cidadanía, ofértanse un total de 15 prazas para menores con necesidades educativas especiais, que contarán con persoal profesional especializado.
Para poder participar é preciso presentar a ficha de solicitude de participación no Rexistro Xeral do Concello de Redondela acompañada de volante de empadroamento da nai ou pai, seguíndose para a elaboración das listaxes de participación rigorosa orde de inscrición segundo o número de entrada no Rexistro.
A solicitude pode descargarse da páxina web do Concello ou recollela nas oficinas do Centro de Información ás Mulleres (CIM) en Redondela e Chapela e o Volante de empadroamento solicítase no Rexistro Xeral do Concello. O prazo de inscrición remata o mércores 19 de decembro, incluído.
O venres 21 de decembro publicarase a listaxe de admitidos e de reserva, que poderá ser consultada na páxina web do Consistorio e nas oficinas do Centro de información ás Mulleres de Redondela ou Chapela.