Un grupo de delegados sindicais e traballadores do comercio de alimentación dos sindicatos CIG, CCOO e UGT desenvolveron este luns en Vigo novas accións de protesta para reclamar o desbloqueo das negociacións do convenio colectivo.
A mobilización, que ao igual que as levadas a cabo anteriormente en tendas de roupa consistiu en mercar gran cantidade de produtos para devolvelos a continuación, o que provocou largas colas en dous supermercados da cidade.
Dende a federación de Servizos de Vigo explicaron que a iniciativa forma parte da campaña iniciada recentemente a nivel nacional para presionar á patronal coa fin de desbloquear as negociacións dos convenios de comercio vario, comercio alimentación, téxtil e hostalería.
Os representantes sindicatis advirten que a vixencia destes convenios remata en xullo e que, coa nova reforma laboral aprobada polo Goberno de Mariano Rajoy, a partir de entón van perder eficacia, poden perder a súa ultraactividade e, polo tanto, desaparecer.
A consecuencia inmediata podería ser a perda dos dereitos salariais, laborais e sociais conquistados nos últimos anos.
Segundo explicou a secretaria xeral da Federacións de Servizos da CIG, Transi Fernández, a pesar de que levan meses reclamando o inicio das negociacións “non foi até hoxe mesmo que nos confirmaron que até o 9 de xaneiro non haberá contactos”.
Precisamente, Fernández fixo este anuncio no transcurso da protesta desenvolvida hoxe por arredor de medio cento de membros das tres centrais sindicais no supermercado Gadis da rúa Rosalía de Castro e no Froiz da rúa Uruguai, xa que estas dúas cadeas son as de maior peso na mesa de negociación.
As accións de protesta desenvolvéronse sen incidentes, a pesar de que no lugar se personaron dúas patrullas da Policía española que identificaron a varios xornalistas a petición da encargada do Gadis a pesar de que tomaban as imaxes dende o exterior do establecemento.