Dende a casa de Rosalía de Castro, o presidente da Xunta apelou hoxe, na mensaxe de Fin de Ano, á unidade das forzas políticas “para saír adiante antes e con máis forza”. “Hoxe, todos podemos defender Galicia, cadaquén desde as súas responsabilidades. O meu compromiso é defender Galicia desde o Goberno galego. E a miña esperanza é poder facelo cada vez con máis achegas, cada vez con máis colaboración, do resto das forzas políticas e especialmente do principal partido da oposición”, aseverou.
Feijóo asegurou que esa unidade é demandada polos cidadáns e convidou a que o novo ano 2013 permita alcanzala, e que Galicia poida seguir sendo un modelo neste eido, como xa o é a día de hoxe noutros ámbitos. “Igual que nos anticipamos en decisións fundamentais para o futuro como a eficiencia, a disciplina orzamentaria ou a planificación, por qué non facer de Galicia tamén un paradigma de unidade política”.
O xefe do Goberno galego reiterou o compromiso da Xunta cos desempregados. “Quero que saiban que están presentes en todas e cada unha das decisións que o Goberno galego adopta. Xunto a eles libramos unha loita na que contamos coa solidariedade dos que afortunadamente temos traballo nestes tempos difíciles. Máis cedo que tarde, entre todos, lograremos cambiar a situación”.
O presidente afirmou que tanto no exterior coma no interior, a nosa forma de ser impúlsanos cara a tarefas conxuntas: “Cara fóra, Galicia é unha comunidade estable, con rumbo seguro e horizonte certo, que camiña a carón de España e Europa. E cara dentro, Galicia forma unha gran familia unida polos problemas e polas solucións. A galeguidade –dixo- non é outra cousa que unha man tendida ao galego que temos ao noso lado, e aos que comparten con nós unha mesma visión do progreso e da liberdade”.
Feijóo deu fe do prestixio que iso supón cando Galicia se fai presente no exterior. “Visto con ollos alleos, o noso país mestura tradición e modernidade. Somos o emigrante capaz de compartir a fidelidade á súa terra de orixe, co compromiso coa súa terra de adopción. Somos a gran empresa e a multinacional que innova, que compite, que é fiable. Somos o pobo que ten logrado manter e mellorar os seus servizos públicos, malia a incerteza xeneralizada na nación española. Somos o equipo que, en distintos lugares e disciplinas, ten logrado grandes éxitos deportivos neste ano que remata. Somos respectados e queridos, e por iso non resulta ilusoria a idea dunha Galicia global, que faga posible que nós esteamos no mundo e que o mundo estea en nós”.
Desde a casa natal de Rosalía, Feijóo quixo lembrar que o ano próximo cumprirase o cento cincuenta aniversario da publicación de Cantares Gallegos e tamén medio século da instauración do Día das Letras Galegas. E asegurou que a Galicia que a escritora e tantos coma ela soñaron, estámola facendo hoxe.
“As negras sombras do noso presente teñen enfronte á sociedade galega que, unida polos vencellos da concertación, a cooperación e o entendemento, é perfectamente capaz de saír adiante. Porque, por riba de todas as dificultades, está a forza da nosa xente”, sentenciou.
Deste xeito, Feijóo concluíu salientando que os máis maiores, que lembrarán os tempos duros do pasado nos que parecía perderse a esperanza; e os máis novos, que sentirán a forza para continuar coa transformación; “todos son Galicia”. “Todos danlle ao noso país unha enerxía que fará do 2013 un tempo para empezar a rexurdir”.