A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se convocan as probas de constatación da cualificación para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estradas.
Así, no presente ano celebraranse un total de 8 exames por modalidade, para a obtención do documento que acredite esta formación para as categorías D1, D1+E, D e D+E (viaxeiros), como para as categorías C1, C1+E, C e C+E (camións). Cada proba leva asignado un período de solicitude. As probas consistirán en nun cuestionario tipo test con 100 preguntas.
Os interesados en inscribirse nestas probas deberán presentar unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I na resolución publicada no DOG, xunto co impreso de autoliquidación de taxas correspondente. No caso de non prestar o consentimento para que a Administración consulte telematicamente os seus datos de identidade e residencia, o aspirante deberá achegar tamén copia do DNI e, de ser o caso, da documentación que acredite a súa residencia habitual en Galicia.
Por outro lado, os aspirantes excluídos ou non admitidos na realización das probas poderán solicitar a devolución das taxas que aboasen, de ser o caso, presentando para o efecto unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II da resolución.
Compre lembrar que esta cualificación inicial debe obterse con independencia do permiso de condución, xa que tamén permite aos condutores estar actualizados sobre os coñecementos esixidos. As materias sobre as cales se esixen coñecementos afectan fundamentalmente a actividade de transporte a que se dedican profesionalmente estes condutores.
Ao longo de 2012, realizáronse un total de 551 cursos de formación inicial (nas modalidades de mercadoría e viaxeiros), nos que participaron un total de 3.524 persoas. Tamén se realizaron máis de 1.000 cursos de formación continua e se emitiron máis de 15.000 tarxetas, que se emiten no caso de que o alumno supere satisfactoriamente o curso. Por outro lado, en 2012, o número de persoas inscritas para as probas ascendeu a 4.483, e un 62% dos participantes acadaron a documentación acreditativa, é dicir, 2.795 persoas.