Con motivo da celebración do Día Mundial dos Humidais que se conmemora mañá, día 2, a Xunta organizou unha completa programación de actividades a través do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia co obxectivo de divulgar a importancia da auga e dos humedais. Coa idea de chegar a máis de 300 persoas, estas actividades teñen lugar no novo Centro de Interpretación e de Visitantes das Illas Atlánticas, no edificio Cambón.
Na visita que fixeron un grupo de 50 escolares de Educación Infantil do colexio Neno Xesús de Parga particupou tamén a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch.
Durante a visita, ademais de coñecer as instalacións do centro e a importancia e fermosura das Illas Atlánticas, os nenos e nenas -de entre 5 a 7 anos- participaron nun obradoiro específico sobre os humidais e coñeceron os máis próximos ao Parque Nacional da man do contacontos Contos de Rías e Reis a cargo de Luis Ángel Gómez e Begoña Raposa, que conta a historia duns reis que chegan ás Illas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada, onde desenvolven unha fantástica aventura que mestura ilusión, conservación e moralexa.
Estas mesmas actividades estenderanse durante toda a fin de semana xa que os días 2 e 3 de febreiro, ás 12.00 horas e con entrada libre, se repetirá este conta contos dirixido ao público infantil. As visitas programadas con motivo do Día Mundial dos Humidais seguirán ata o vindeiro 7 de febreiro coa recepción diaria de grupos de 50 escolares de educación infantil procedentes do Colexio Santiago Apóstol.
Ademais, estas non son as únicas visitas xa que a conmemoración do 2 de febreiro comezou onte coa chegada dun grupo de 50 estudantes –maiores de 18 anos- da área de xardinería e de guías intérpretes do Concello da Coruña, aos que se lles explicou a importancia da conservación, as figuras de xestión e a divulgación. Tamén visitaron o Centro de Interpretación con motivo deste día as persoas pertencentes ao colectivo Solidarios Anónimos.
Deste modo, durante as visitas, ademais de coñecer as novas instalacións e conmemorar o Día Mundial dos Humidais, os técnicos presentan o Parque e proxectan un novedoso vídeo no que se contemplan as Illas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada, en pleno inverno e sen ir ata os arquipélagos. O vídeo ten unha duración de 8.30 minutos e nel pódese apreciar a maxestuosidade do arquipélago, os fondos mariños, acantilados, dunas, flora, fauna, así como a historia e etnografía deste espazo protexido.
Desta maneira, seguen os programas educativos e formativos nos que achegarán ás illas aos distintos colectivos que estean interesados en participar e colaborar neste proxecto.
Por certo que dende que inaugurouse o museo no primeiro mes que leva aberto ao público, xa recibiu un total de 2.400 visitantes, dos cales 400 foron escolares.
A previsión do Goberno galego é que accedan a este edificio uns 150.000 visitantes ao ano. O acceso ao inmoble, e aos seus contidos, é gratuíto para os cidadáns e abre as portas seis horas ao día durante seis xornadas da semana en horario de 11:00-14:00 horas e de 16:30 a 19:30 horas.
A conmemoración do Día Mundial dos Humidais tamén se celebra no resto da provincia. Así, na Enseada de San Simón, en Vilaboa e Soutomaior, haberá actividades para celebrar esta cita. Os técnicos do Servizo de Conservación da Natureza desprazaranse ata o porto de Paredes, ao carón das instalacións do Clube de piragüismo Vilaboa na praia de Areeiro, para avistar e explicar os comportamentos das aves. Os interesados tamén poderán participar nunha camiñata de 2,5 quilómetros pola senda litoral ata o final do dique das Salinas do Ulló.
Cinco humidais en Galicia
Galicia conta con cinco humidais declarados como Sitio Ramsar que suman un total de 7.698 hectáreas: Ría de Ribadeo; Ría de Ortigueira e Ladrido; Lagoa e areal de Valdoviño; Complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo; e Complexo intermareal Umia – O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira.
Os cinco Sitios Ramsar presentes en Galicia declaráronse baixo a categoría de Humidal protexido en maio de 2004 e coa publicación do Decreto 127/2008, do 5 de xuño, polo que se desenvolve o réxime xurídico das brañas protexidas e se crea o Inventario de Humidais de Galicia.