A través dun comunicado, o comité de empresa da televisión pública galega denuncia as “presións e intervencións” que, segundo alertan, reciben “acotío” os profesionais do medio. Os traballadores salientan que esta situación “agravouse nos últimos meses por mor dos diversos casos de corrupción política que están a sair á luz pública, como por exemplo o caso Pokemon ou, nos últimos días, o chamado caso Bárcenas”.
Os representantes dos traballadores consideran “especialmente penosas e vergoñentas” estas prácticas de “manipulación da televisión pública” no actual contexto de “grave crise económica e profundo deterioramento político e social”. “Xusto cando unha cidadanía en gran parte empobrecida e indignada exixe máis que nunca o seu dereito de acceso a unha información veraz, plural e obxectiva”, destacan.
Ademais, o comité de empresa denuncia “a ausencia dun mecanismo que evite as presións coas que teñen que traballar cada día os profesionais” e que garanta “a liberdade e a indepencia no exercicio dos seus labores informativos”.
Novas vencelladas: Información da TVG sobre a entrega dos ‘papeis de Bárcenas’ por parte do diario ‘El País’