A Dirección Xeral de Emerxencias alerta dun temporal de mar de nivel laranxa que afectará a partir de mañá ao litoral de toda Galicia. Segundo as predicións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a partir das 12.00 horas do domingo espérase na costa lucense e nas zonas noroeste e oeste da provincia da Coruña, vento en mar do oeste que acadará forza 8; mar de vento grosa e moi grosa; e mar de fondo, con ondas de ata 5 metros. Ao longo da tarde, a partir das 15.00 h, o temporal estenderase ao resto do litoral da Comunidade autónoma e perdurará durante o luns.
Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias, a través do 112, informou da situación aos concellos afectados; ás Deputacións, servizos provinciais e asociacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros organismos. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.
Tamén recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos; así como vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e fiestras. Ademais, aconséllase consultar a páxina web www.112galicia.org, que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.