A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria abre o vindeiro luns 25 de febreiro o prazo de inscrición para as probas de acceso a ciclos de grao medio de Formación Profesional. Estas probas son unha ferramenta para impulsar a continuación de estudos, xa que dan a posibilidade de acceder a ciclos formativos a persoas que non foron quen de obter o título de graduado en Educación Secundaria Obrigatoria.
Poderán presentarse a estas probas para acceder a graos medios quen non cumpran os requerimentos xerais para cursar estes estudos e teñan cumpridos os 17 anos, ou os cumpran no 2013, dacordo coa información que aparece neste enlace. O prazo de inscrición estará aberto do 25 de febreiro ao 8 de marzo. As probas realizaranse o 23 de maio.
A proba para o acceso ao grao medio organízase en tres partes, a sociolingüística, con exame de linguas galega e castelá e de ciencias sociais; a matemática; e a científico-técnica, con probas de ciencias da natureza e de tecnoloxía.
A proba dará lugar á obtención dunha certificación na que constará a nota final lograda e a cualificación obtida en cada unha das partes que a compoñen. A superación da proba dará acceso a calquera ciclo formativo. A adxudicación de praza estará condicionada pola cualificación obtida na proba, no marco da porcentaxe de reserva de prazas por cada centro e ciclo que se estableza para estas probas.
Para quen realizara a proba en Galicia e non a superara na súa totalidade, a certificación permitirá manter a cualificación obtida nas partes superadas cunha puntuación igual ou superior a cinco durante un máximo de dous anos nas probas de acceso a ciclos formativos en Galicia.