Galicia celebra o Día de Rosalía

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organiza, como xa fixo en anos anteriores, un completo programa de actos con motivo da celebración pública do Día de Rosalía, este 24 de febreiro, data do seu nacementoNo pasado 2012 a AELG promoveu unha moción a presentar nos concellos do país para instaurar o 24 de febreiro como Día Rosalía de Castro e, así, organizaren actos de celebración. A moción foi aprobada en Allariz, Ames, Betanzos, Cedeira, Deputación Provincial da Coruña, Fisterra, Foz, Lalín, Lobeira, Muros, Narón, Padrón, Poio, Ponteareas, Pontedeume, Pontevedra, Porto do Son, Redondela, Rianxo, O Rosal, San Sadurniño, Santiago de Compostela, Tui, Valdoviño, Vigo, Vilasantar e Xermade.

Este ano ten unha especial relevancia ao se cumpriren 150 da publicación de Cantares Gallegos, o primeiro libro íntegro monolingüe do renacemento da nosa literatura culta. Con este motivo, os actos tentaron proxectar a figura e obra rosaliana nos diferentes sectores sociais. A semana previa a esta data, Radio Redondela e o Servizo de Normalización Lingüística de Redondela organizaron a lectura pública de textos da autora, de 12.30 a 13.30 na Radio Municipal. No Concello de Rianxo, o mércores 20 ás 16.30 na Escola do Cruceiro de Taragoña, houbo, en colaboración co Club de Lectura do CRA de Rianxo unha lectura colectiva. O Concello de Tui programou para o xoves, día 21 de febreiro, na Biblioteca Municipal, unha conferencia sobre a vixencia da obra de Rosalía de Castro, a cargo de Francisco Rodríguez.

Este domingo, no Panteón de Galegos Ilustres, tivo lugar un acto nacional onde foron lidos poemas de Cantares gallegos, ademais da realización dunha ofrenda floral. A Coral da Asociación cultural e musical de Solfa, que interpretará as seguintes pezas: A Rosalía, de M. Curros Enríquez; música de Alfredo Oliveira; Campanas de Bastabales, de Rosalía de Castro; música de Xosé Carlos Seráns;  Rosa de abril, de Rosalía de Castro; música de Andrés Gaos e arranxos de Joám Trilho; Negra Sombra, de Rosalía de Castro; música de Joán Montes e arranxos: Joám Trilho; Lela, de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao; música de Rosendo Mato Hermida e arranxos de Francisco Tobar Cereijo.

Ademáis lebouse a cabo a lectura do Manifesto da AELG, por parte do seu presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias, e Xina Vega, vogal, e lectura de poemas rosalianos, Marilar Aleixandre: “Non che teño medo moucho”; Marta Dacosta: “Eu cantar, cantar, cantei”; Alicia Fernández: “Mina Santiña, miña Santasa”; Pilar García Negro: “Campanas de Bastabales”; Inma López Silva: “A xustiza pola man”; Teresa Moure: “San Antonio Bendito”; Mercedes Queixas: “Nasín cando as prantas nasen” e Helena Villar Janeiro: “Quen non xime”.

Os actos continuarán despois do 24, e así, o IES A Sangriña, da Guarda ten preparados actos para o día 25 e 26, e os Comités Abertos de Vigo organizan un recital en conmemoración de Rosalía para o xoves 28 de febreiro ás 20:30 h., ao que se uniron Trabalingua ou a propia Área de Normalización Lingüística da Universidade  de Vigo.

 

También te puede interesar