A Consellería de Sanidade abre un novo prazo de inscrición en listas de cinco novas categorías para vinculacións temporais nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.
O prazo de inscrición para as categorías de técnico superior, medio e especialista de sistemas e tecnoloxías da información e comunicación; así como para cociñeiro e pinche de cociña inciarase o día 26 de febreiro.
As solicitudes realizaranse nun formulario oficial a través do Fides/expedient-e no apartado de procesos dispoñible na páxina web do Servizo Galego de Saúde. O acceso está aberto a todo o persoal interesado que reúna os requisitos e tamén para promoción profesional do persoal fixo.
As persoas interesadas deberán acceder ao formulario, imprimilo e presentalo antes do 25 de marzo deste mesmo ano, prazo habilitado para a primeira xeración de listas. Ademais, dispoñen de medios técnicos para inscribirse nos centros de xestión do Servizo Galego de Saúde.
Con esta nova apertura son xa 38 as listas con inscrición aberta e permanente a través do Expedient-e. Ademais, hai máis de 44.400 participantes na actualidade e coas novas solicitudes previstas acadarán os 46.000.
Próximas listas
As próximas listas a publicar con puntuación definitiva serán as de enfermería, matrona, enfermería 061, traballador social, psicólogo clínico e logopeda. Doutra banda, están en marcha os procesos de traslados internos do Hospital Lucus Augusti e da Xerencia de Atención Primaria da Coruña.
O 12 de febreiro foron publicadas as listaxes co número de orde e puntuación provisional no proceso de traslados internos no Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela. Este é o primeiro proceso de mobilidade interna, dirixida ao persoal fixo que se realiza a través do expediente electrónico dos profesionais, o que permitirá a axilización dos futuros procesos de mobilidade interna nos centros sanitarios.