A federación do Metal da CIG de Vigo continúa coas concentracións diante do concesionario Tomóvil (Ford), na estrada de Camposancos, en San Andrés de Comesaña, para reclamar a readmisión de dous traballadores despedidos por opoñerse da intención da empresa de precarizar as condicións laborais. As protestas repítense todos os luns, mércores e venres dende hai máis de dous meses.
Dende a central nacionalista sosteñen que se trata dun novo caso de represión sindical xa que os dous despedidos, con 30 anos de antigüidade na empresa, son afiliados da central e un deles era o anterior delegado de persoal en representación da CIG.
Explican desde a CIG que a notificación do despedimento chegoulles ademais xusto despois de que amosasen a súaoposición aós plans da empresa de modificar as condicións laborais ao amparo da nova reforma laboral do PP.
Neste senso, dende a federación do Metal explican que “o máis grave é que deciden botalos porque son os únicos que protestaron pola redución de salario, o cambio das vacacións e a modificación do xornada que pretende a dirección incumprindo o convenio colectivo”.
Os dous despedidos contaron tamén coa solidariedade dos empregados do concesionario Tomóvil sito en Ourense, que a mediados de febreiro desenvolveron unha acción de protesta diante do seu centro de traballo na que reclamaron a readmisión dos seus compañeiros de Vigo.