O catedrático Xesús Alonso Montero, de 85 anos, foi elixido este sábado novo presidente da Real Academia Galega (RAG) en segunda ronda con 12 votos a favor e 10 en contra, xunto a unha abstención, logo de empatar na primeira consulta celebrada no plenario.
Tras unha reunión de case dúas horas e media, Alonso Montero resultou elixido nunha disputada votación, xa que na primeira volta houbo 12 votos ao seu favor e 12 de apoio á candidatura do ata agora tesoureiro da RAG, Manuel González, e unha abstención. Así, deuse paso a unha segunda consulta na que, tras non contar os votos por correo –xa que só computan no primeiro sufraxio– o catedrático de Lingua Galega acadou a elección
A directiva, encabezada por Alonso Montero, xunto á que compareceu, queda do seguinte modo: Henrique Monteagudo (secretario), Rosario Álvarez (tesoureira), Margarida Ledo (bibliotecaria) e Andrés Torres Queiruga (vicesecretario).
Trala dimisión de Xosé Luis Méndez Ferrín á fronte da institución abriuse o proceso para elixir o novo responsable. Ao non chegar a un acordo para pactar unha lista única, por primeira vez na historia desta academia, fundada en 1906, presentáronse dous candidatos: por un lado, o ata agora tesoureiro da RAG, Manuel González, que representaba o sector continuista coa liña marcada por Xosé Luis Méndez Ferrín; e polo outro, Alonso Montero, que encabeza o lado máis crítico coa anterior directiva.