O 061 asistiu durante a fin de semana un total de 77 persoas debido a 54 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas dende as 3 da tarde do venres, día 19, ate as 00:00 h. deste luns. O maior número de atencións por sinistros rexistráronse o domingo con 22 accidentes.
A Central de Coordinación do 061, recibiu nestes días 67 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 54 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon a un total de 77 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 75 e do 25%, respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase cun 41% dos atendidos tiña entre os 25 e os 44 anos.
Por provincias foi Pontevedra a que rexistrou máis accidentes con 24 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas.
Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas foron 75. Así, a ambulancia medicalizada acudiu a 6 sinistros, as ambulancias asistenciais mobilizáronse en 58 accidentes, os médicos de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en sete ocasións e as ambulancias convencionais acudiron a catro sinistros.
En 67 casos os feridos foron trasladados aos centros hospitalarios correspondentes e dous foron atendidos no propio lugar do incidente sen necesitar traslado e seis se atenderon nun centro de atención primaria e dúas persoas faleceron no lugar do incidente.