O Sénior Masculino Autonómico, do Club Baloncesto Seis do Nadal – Coia, adestrado e dirixido por Sergio González e Francisco García, podería proclamarse campión da Liga 2ª División Sénior Masculina 2012/2013 o próximo sábado 27 de abril do 2013 no polideportivo de Navia.
Ás 20:00 horas o Seis do Nadal – Coia recibirá ao CB Arteixo nun partido no que se decidirá o novo campión da Segunda División. No partido de ida disputado en Arteixo o conxunto de Coia logrou impoñerse pola mínima (58-59) despois de ir por detrás no marcador ao longo de todo o encontro salvo nos minutos finais nos que conseguiu superar ao equipo local.
Despois de rematar na primeira posición do grupo Sur da competición, cun balance de dezasete vitorias e tres derrotas, o Seis do Nadal está a disputar a final da Segunda División co Ascenso á Primeira División xa asegurado por segunda tempada consecutiva.
Aínda así, o Sénior Masculino Autonómico do Seis do Nadal Coia pretende facer historia no club conseguindo por primeira vez proclamarse equipo campión dunha competición de ámbito autonómico, e pode conseguilo esta fin de semana diante de toda a súa afición.