Unha delegación da Coordinadora de Plataformas de Afectados de Galicia por Preferentes e Subordinadas, intervirá este mércores, día 24, diante da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo para solicitar deste órgano un ditame que demande das autoridades comunitarias, españolas e galegas que cumpran a normativa que “debía protexernos como clientes bancarios” e que se esixa aos respectivos Gobernos que arbitren as medidas, precisas, para que “as vítimas desta estafa recuperemos a totalidade dos nosos aforros”.
A decisión de presentar unha queixa en Bruxelas, aseguran os portavoces destas plataformas, “partiu do feito de descubrir que o Goberno español, na xustificación da petición dun rescate para a banca española, fixo constar que as persoas con participacións preferentes e subordinadas eramos todas inversoras, non aforradoras, como sucede en máis do 90% dos casos”. Como consecuencia da súa “falsificación”, agora pretende que “asumamos unha parte do rescate da banca nacionalizada espoliándonos a maioría dos nosos aforros”.
Para desmentir esta falsificación, xa a finais de novembro do 2012, unha ampla representación da citada Coordinadora, presentou unha queixa diante da Secretaría da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, que foi admitida a trámite e que vai ser debatida este mércores na citada Comisión. Xa naquel momento, a representación galega, acompañou a súa denuncia verbal con documentos que “recollían moitas das irregularidades cometidas polas Caixas galegas a hora de colocarnos estes produtos tóxicos,” así como testemuñas de persoas estafadas, datos e imaxes do perfil destas persoas e das mobilizacións realizadas, copias das sentenzas xudiciais e dos miles laudos arbitrais, “todos favorábeis aos clientes”.
Os membros da Coordinadora que van defender esta petición en Bruxelas, Suso Domínguez de Compostela, Xulio Vicente do Rosal e Miriam Rodríguez de Tui, tamén van acompañar a súa comparecencia con novas copias de documentos que acreditan que esta “foi unha estafa planificada e xeneralizada entre os aforradores galegos, un vídeo con novas testemuñas e denuncias de moitas Institución para reforzar esta petición”.
Por último, a delegación galega agarda un “ditame claro e firme, que esixa ao Goberno español, dono do 100% de Novagalicia Banco, a devolución da totalidade dos aforros que foron estafados por esta entidade a miles de galegos e galegas”. Si o Goberno do Estado “autorizou, consentiu, falsificou a realidade e legalizou esta estafa”, ten que asumir agora a súa responsabilidade e devolver aos “máis de 60.000 aforadores galegos que seguen estafados a totalidade do seu capital”.