Preto de 3.000 persoas participaron, entre o 9 e o 27 de abril,en 15 centros, nos peches convocados en toda Galicia contra a Lei Orgánica para a Mellora da Calidade (Lomce), segundo as cifras achegadas pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público.
Coa protesta, onte, no IES Torrente Ballester concluíu un ciclo de encerros rotatorios en contra dos recortes na escola pública, nunhas reivindicacións que terán continuidade o próximo 9 de maio na folga xeral no ensino.
Segundo a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público estes encerros buscaron “evidenciar a necesidade de retirada da Lomce”, unha lei que, subliña a Plataforma, “expulsará do sistema educativo ao alumnado con menos recursos, afondará na españolización do ensino, potenciará a privatización, liquidará a xestión democrática e ampliará o seu confesionalidad”.