Milleiros de personas, de todas as edades, procedentes de todos os ámbitos do ensino, país, profesores e alumnos, de todos os niveis, dende Primaria ate a Univerisade, secundaron este xoves en Vigo a mobilización contra a Lei de Mellora da Calidade do Ensino, a coñecida ‘Lei Wert’. A manifestación, que saiu pasadas as 11 e media da Praza de España, é a parte central da folga xeral convocada en todo o Estado para protestar contra a LOMCE.
Os congregados amosaron o seu total rexeitamento a unha lei que calificaron de “reaccionaria, españolizadora, privatizadora, clasista, antipedagóxica, antidemocrática e confesional”, que liquida a igualdade de oportunidades e expulsa do ensino os sectores sociais máis desfavorecidos da sociedade.
Os voceiros das distintas plataformas convocantes coincidiron en asegurar que “trátase dunha lei que pretende trasladar ao ensino público un modelo neoliberal e que afonda nas diferenzas sociais no canto de contribuír a que todas e todos teñamos acceso en igualdade de condicións a unha educación pública de calidade”. Ao seu xuizo, é un anteproxecto recentralizador e españolizador que lle facilita ao alumnado, se é necesario, a matriculación nun centro privado, “pagado por todos e todas nós, para evitar a súa escolarización no noso idioma”.
Pola súa banda unha das asociacións máis belixerante contra esta norma, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público asegurou que a lei repercutirá negativamente no ensino público e “fortalecerá, pola contra, o ensino privado” concertado que se verá favorecido coa creación de centros de excelencia, mediante a selección do alumnado. “Blíndanse os concertos económicos cos centros privados, mesmo con aqueles que segregan o alumnado por razón de xénero, malia existir sentenzas que ditaminan a súa ilegalidade”.
Todas as asociacións e entidades, subliñaron que o anteproxecto mantén o ensino da relixión no currículo escolar, contemplando unha materia alternativa en Primaria e na ESO, que computarán no expediente académico, converténdose así nun efecto chamada para que o alumnado se matricule en relixión. No Bacharelato, a materia de Relixión ten a consideración de materia específica, isto é, está situada entre as que o alumnado cursará un máximo de 3 e un mínimo de 2.